A semana pasada saiu publicado en prensa a noticia da nova incorporación de celadores no Hospital do Salnés. Aos 16 celadores xa incorporados, sumáranse outros 3 máis. O motivo é a apertura da terceira planta deste hospital.
Isto ven a confirmar que esta figura segue a ser importante e necesaria para o funcionamento dos hospitais.
Dende Cee preguntámonos cándo se nos vai a autorizar a incorporación desta categoría ou cánto tempo máis vamos a seguir sendo un hospital de segunda, onde os traballadores non teñen as mesmas condicións laborais que o resto dos hospitais SERGAS.
Señores, somos SERGAS dende o 1 de Xaneiro do 2009 e xa é hora de que nos traten como tal.
Señora Conselleira, xa chegou ao noso coñecemento que vostedes pensan que a categoría de celador, é unha categoría “arcaica” a extinguir. Pero mentres isto non sexa de maneira oficial, solicitámoslle que incorpore ao noso hospital e ao do Barbanza esta categoría, como se está a facer no Hospital do Salnés.
Querémoslle lembrar que ese hospital tamén é unha exFundación pero polo que vemos está mellor considerado que o Hospital Virxe da Xunqueira e o Hospital da Barbanza.
Pola nosa parte seguiremos insistindo na necesidade da incorporación de celadores a pesar de que vostedes consideren que non son unha prioridade.