O pasado 11 de xaneiro de 2010, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 4 de xaneiro de 2010, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2010 (ED104B).
PRAZOS DE SOLICITUDES PARA INSCRIPCICIÓN NOS CURSOS:
Establécense distintos prazos de presentación de solicitudes segundo as datas de comezo das diferentes quendas de programación dos cursos:
-Ata o día 10 de febreiro de 2010, para os particulares que desexen participar nos cursos programados entre os meses de marzo e xuño (primeira quenda).
-Ata o día 21 de xuño de 2010, para os particulares que desexen participar nos cursos programados para os meses de xullo e/ou agosto de 2010 (segunda quenda).
-Ata o día 10 de setembro de 2010, para os particulares que desexen participar nos cursos programados para os meses de setembro, outubro e novembro (terceira quenda).
-Ata o día 27 de febreiro de 2010, para os colectivos, entidades e asociacións que pretendan organizar cursos entre os meses de abril e novembro de 2010.
IMPORTANTE: Son cursos preparatorios para as probas Celga, polo que non se expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia.
As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño), segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE número 285, do 27 de novembro).
As listas de admitidos faranse públicas na páxina web www.xunta.es/linguagalega, sete días naturais antes do comezo de cada curso.
Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas correspondentes, que se efectuarán en maio e novembro de 2010, logo de convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia.
A inscrición nas probas é independente da dos cursos.
O prazo para a inscrición nas probas rematará o día 25 de marzo de 2010 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro de 2010 para as probas de novembro.
IMPORTANTE: O prazo abrirá unha vez se publique no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas e rematará nas datas anteriormente citadas.
DATAS DE REALIZACIÓN DAS PROBAS:
Para facilitar a elección dos cursos, infórmase ás persoas interesadas de que as próximas probas para acreditación do nivel de lingua galega, Celga, se efectuarán:
Celga 4: 22 de Maio e 20 de Novembro
Celga 2: 23 de Maio e 21 de Novembro
Celga 3: 29 de Maio e 27 de Novembro
Celga 1: 30 de Maio e 28 de Novembro
Para máis información, pincha aquí.