Buscar en este blog e Internet

Traduce la página...

lunes, 27 de abril de 2009

Carta da Conselleira de Sanidade

Bos días a todos: 

Son Mª Pilar Farjas Abadía, a nova Conselleira de Sanidade de todos os galegos e galegas. Quero que o primeiro acto despois dos obrigados de toma de xuramento e de Sesión Plenaria do Parlamento de Galicia, sexa o de presentarme ante todos  vós, ante os profesionais do Sistema Sanitario Galego. 

Moitos xa me coñecedes, e sabedes que estou convencida de que a peza clave do funcionamento da sanidade sodes vós, os seus profesionais. Tamén sei que da nosa competencia, dedicación e calidade profesional e humana, do rigor do noso traballo, do trato que damos aos galegos, dependerá que de verdade se sintan o que son, o centro de atención dos servizos sanitarios. Traballamos para eles, para conseguir que a súa saúde, tanto dende o punto de vista poboacional como do particular mellore día a día. 

Son consciente de que asumo este cargo nun momento de grandes dificultades económicas. O tempo de bonanza xa foi esgotado por outros equipos de goberno. Agora, para lograr os obxectivos de mellora na atención sanitaria, das infraestruturas, da organización, da formación, imos depender máis que nunca da capacidade dos nosos esforzos, de que saibamos focalizar as nosas enerxías en tarefas de alto valor engadido e de axustar as estruturas administrativas para conseguir a mellor funcionalidade. 

Sei que en tempos de dificultade a dedicación, a austeridade, a colaboración, a participación de todos os profesionais e das súas organizacións son decisivas.  

Afrontamos retos de gran importancia: A implantación de circuítos asistenciais que permitan mellorar e garantir unha asistencia de calidade, en tempos axeitados; a redución das listas de espera, a garantía das consultas de alta resolución, a espera cero para os pacientes de cancro, a renovación de infraestruturas hospitalarias e dos centros de saúde, e o avance na dotación das tecnoloxías da información, na investigación e innovación son algúns deles. 

Para alcanzalos queremos formar os mellores equipos e contar co esforzo e apoio de todos, para conseguir a mellor utilización dos recursos asistenciais de Galicia de forma eficiente. Buscaremos acordos e o consenso dos cidadáns, dos usuarios e dos profesionais para dar resposta ás demandas. 

O noso obxectivo é mellorar a calidade de vida e a saúde das persoas e da poboación. O meu compromiso é traballar con toda a miña determinación para conseguilo entre todos. 

Anímovos a tomar iniciativa neste futuro esixente pero, tamén apaixoante. Contar con todas e todos vós será o noso mellor activo neste punto de partida.

 

Un cordial saúdo